Friday 19 de April de 2024

A Feira de Oportunidades promovida pola Deputación e as actividades do CCA centraron a xuntanza da Mesa Local de Comercio


Aprobada por unanimidade a adhesión do Concello de Carballo á iniciativa provincial, que se desenvolverá do 26 ao 28 de agosto na rúa Jacinto Amigo Lera

A Mesa Local de Comercio vén de aprobar por unanimidade a adhesión do Concello de Carballo ao programa de feiras impulsado dende a Deputación Provincial da Coruña para dinamizar o comercio local nos concellos de 10.000 a 50.000 habitantes. Deste xeito, do 26 ao 28 de agosto Carballo acollerá unha Feira de Oportunidades en cuxo desenvolvemento colabora o Centro Comercial Aberto (CCA), que propuxo as datas e tamén se encargará da selección dos establecementos participantes entre os seus asociados.

A xuntanza da Mesa Local de Comercio estivo presidida pola concelleira Milagros Lantes en substitución do titular de Promoción Económica, Xosé Regueira, e contou coa participación de Carmen Freire, xerente do CCA, e de Susana González, en representación da Xunta de Galicia. Tamén asistiron como convidadas/os a concelleira socialista Mari Carmen Vila, o concelleiro de Terra Galega Andrés Eirís e a técnica de Promoción Económica do Concello de Carballo, Paula Lema, que deu a coñecer os detalles da feira. O funcionario municipal Vítor Recarei exerceu como secretario.

A Feira de Oportunidades celebrarase na rúa Jacinto Amigo Lera (no caso de choiva trasladaríase á planta alta do Mercado Municipal de Abastos) e contará con 20 carpas para dar acubillo aos comercios participantes. A feira abrirá ao público dende o venres pola tarde ata o domingo pola noite.

A Mesa Local de Comercio tamén aprobou por unanimidade o calendario de accións de dinamización comercial organizadas polo CCA para este ano, algunhas delas xa desenvolvidas, como o remate da campaña de Nadal, rebaixas de inverno, San Valentín, Día do Pai, Semana das Oportunidades, Día da Nai e Que rule, que rule!!! Nestes momentos están en marcha as rebaixas de verán, e as seguintes propostas son Mercadillo, Black Friday e campaña de Nadal. Paralelamente, o CCA realiza outras accións como a sinalización dos comercios, actividade de promoción e fidelización en redes sociais, bolsas publicitarias, convenios con empresas e participación na campaña “Días azuis”, entre outras.